Friday 29 de March de 2024

O Concello de Moeche destinará máis de 107.000 euros a medio quilómetro de beirarrúas en Mil de Abaixo e Mil de Arriba


A liberación de fondos do POS+ Adicional 02/2022 da Deputación da Coruña permitiralle ao Concello de Moeche levar a cabo a reposición de 205 metros de beirarrúas na marxe esquerda en sentido Ortigueira da zona de Mil de Abaixo, que ademais de cambiar as baldosas existentes por unha superficie de formigón impreso tamén ampliará uns metros o espazo para o tránsito peonil. O investimento está orzamentado en 33.521,09 euros, IVE incluído. Porén, cómpre ter en conta que nestes momentos está en licitación outro proxecto similar para a zona de Mil de Arriba que nese caso cubrirá unha distancia de 320 metros reparando as beirarrúas existentes e formando un novo tramo, ademais das canalizacións soterradas . O orzamento desta actuación ascende a 74.014,74 euros, impostos incluídos, e tamén contará con financiamento do POS+.

En Mil de Abaixo os traballos consistirán, en primeiro lugar, na retirada do antigo enlousado da beirarrúa xa que presenta numerosas irregularidades e desperfectos ademais dunha execución deficiente nalgúns puntos. Segundo sinala o estudo previo ao deseño do proxecto, no percorrido atópanse cambios bruscos de nivel -hai resaltes de ata 12 cm de alto-, encontros dos tramos mal feitos e rebaixes de acceso a vivendas. Problemas aos que se lle engade o dun sistema de drenaxe que non cumpre a súa función por estar atoado ou por non ter salvado correctamente as diferenzas de nivel.

Para non ter que seguir facendo reparacións puntuais que non arranxarían o problema de fondo, o Concello decidiu repoñer toda a beirarrúa optando por un firme continuo de formigón impreso que presenta varias vantaxes, como por exemplo a de reducir o tempo de execución da obra -con respecto á opción das baldosas-, a de conseguir unha superficie uniforme sen arestas nin lousas levantadas ou a de facilitar a evacuación da auga da chuvia mediante un novo sistema de embornais (as rellas por onde escapa a auga) e tubaxes.

A distancia total prevista no proxecto é de 205 metros, cun largo medio de 1,5 e unha pendente media lonxitudinal do 4%, mentres que a transversal non será superior ao 2%.

A primeiros deste ano, cando se aprobou o POS+, o Concello incluiu a intervención dentro do Plan Complementario á espera de que o ente provincial habilitase partidas económicas para levalo a cabo. A confirmación dos fondos produciuse hai tan só uns días e o Concello agarda que tamén á volta duns días a Deputación notifique oficialmente a achega, que ascende a 213.359,79 euros e coa que tamén se executará o aglomerado entre a Ponte do Sur e o límite con San Sadurniño.

Reposición e ampliación en Mil de Arriba
O proxecto de maior importe relacionado coas beirarrúas en Abade é o de Mil de Arriba, onde a situación inicial é practicamente a mesma que en Mil de Abaixo: baldosas soltas, vexetación que medra no medio delas, sumidoiros de pluviais que non cumpren ben coa súa función e, en xeral, mala accesibilidade para as persoas que pasan a diario pola zona, co engadido de que unha parte deste núcleo nin sequera conta con beirarrúa.

E para a mesma situación, a mesma solución técnica. Alí estenderase unha nova superficie de formigón impreso -intercalada con aglomerado en certos puntos- ao longo de 320 metros, cun ancho que variará segundo o treito entre 1,5 e 1,8 metros de larganza. Ademais tamén será necesario modificar as canalizacións de pluviais e na parte norte colocarase un novo colector do saneamento ao longo de 65 metros.

Neste caso a obra acolleuse á convocatoria xenérica do POS+, polo que xa contaba con financiamento provincial consignado e, de feito, o contrato está neste intre en licitación na Plataforma de Contratación do Estado cun prezo de partida de 74.014,74 euros, IVE incluído.

A alcaldesa, Beatriz Bascoy, cualificou as intervencións en Mil de Arriba e Mil de Abaixo como “obras moi necesarias e moi demandadas pola veciñanza” que, segundo a rexedora, “mellorarán a seguridade peonil, pero tamén o aspecto xeral da zona”. Desde o Executivo local destácase, ademais, “a mellora do que non se ve, o que vai soterrado”, en referencia a que o proxecto permitirá ordenar canalizacións e ampliar o saneamento.